Jude Law está a manter conversas para se facer co papel do falcatruán Capitán Garfo en Peter Pan & Wendy, a nova adaptación da Disney Pictures con actores reais do seu clásico filme de debuxos animados de 1953 baseado na novela de J.M. Barrie.
O director de Pete’s Dragon e The Old Man and the Gun, David Lowery, é o encargado do proxecto, que el mesmo escribiu xunto a Toby Halbrooks. Jim Whitaker é o produtor.
A película de 1953 é aínda hoxe a adaptación de mais sona da obra de Barrie sobre o rapaz que non quería medrar e os nenos aos que se levaba ao máxico mundo de Nunca-Xamais. Aínda que houbo rumores de que este filme acabaría na plataforma Disney+ agárda-se que a nova versión sexa estreada nas salas de cinema.
Ao longo dos últimos trinta anos, actores tan salientábeis coma Dustin Hoffman, Jason Isaacs, Christopher Walken e Garrett Hedlund tiveron a oportunidade de facer o papel do Capitán Garfo en filmes con acción real.
Após de que o ano pasado a Disney fixera mais de mil millóns de dólares de recadación grazas ás adaptacións dos seus clásicos con actores de carne e óso en Aladdin e The Lion King, agora queren pasar páxina canto antes nun 2020 que non trouxo mais ca malas novas. De feito, xa están a desenvolver unha segunda parte de Aladdin.
Pola súa banda, Law ven de rematar o seu traballo no papel do Papa Pío XIII en The New Pope na HBO e poderémo-lo ver a finais de ano noutra minisérie da mesma canle, The Third Day. Ademais, ten pendente de repetir no cinema os seus papéis de Albus Dumbledore e do Dr. John Watson nas terceiras entregas das sagas de Fantastic Beasts e Sherlock Holmes respectivamente.