A Netflix cancela Sabrina

617

Ainda que a nova era de agardar, porque ao contrário de Melissa Joan Hart, Kiernan Shipka non podía seguir sendo eternamente unha adolescente, a Netflix ven de sorprender co anúncio da cancelación da súa série Chilling Adventures of Sabrina, que rematará após do seu regreso a finais deste ano coa cuarta tempada.

A série debutou en outubro de 2018 cun grande éxito tanto de crítica coma de público. A primeira parte tiña once episódios, e a segunda foron outros nove que se emitiron en abril de 2019.

A série foi renovada a finais de 2018 para facer as partes tres e catro cun total de 16 novos episódios. Os primeiros oito emitíron-se en xaneiro, e os oito finais aparecerán a final deste ano.

O showrunner Roberto Aguirre-Sacasa dixo nun comunicado: “Traballar en Chilling Adventures of Sabrina foi unha honra incríbel dende o primeiro día. O reparto, comezando por Kiernan coma a nosa meiga favorita, foi un auténtico luxo. Estou mais ca agradecido á equipa, guionistas, editores, axudantes e a todos por poñeren tanto amor neste soño escuro de série. Tamén agradezo aos nosos parceiros na Netflix, a Warner Bros., á Berlanti Television e a Archie Comics por permitir-nos contar a história que queriamos contar, do xeito que queriamos conta-la. Non podo agardar mais para ver a cuarta parte“.

A decisión de rematar a série chega despois de que outros proxectos de Aguirre-Sacasa tamén vexan o seu remate. K’aty Keene (unha secuela de Riverdale) e o episódio piloto de The Brides na ABC foron abandoadas, pero aínda ten un lucrativo acordo coa Warner Bros. TV e Riverdale regresará na Netflix para a súa quinta tempada en 2021.