A directora de Wonder Woman, Patty Jenkins, ven de revelar que ademais dos novos filmes que están en preparación, hai tamén outro proxecto en marcha e do que non sabiamos até agora: unha série de debuxos animados centrada nas Amazonas e no seu país, Themyscira.
A série de debuxos uniría-se deste xeito ao terceiro filme e mais a unha secuela que tentaría narrar parte da intrahistória de Wonder Woman, que están xa en desenvolvemento. A devandita secuela sería protagonizada polas guerreiras Amazonas.
Nunha recente entrevista, Jenkins falou sobre unha escena da vindeira Wonder Woman 1984 que aparece durante uns poucos segundos no tráiler, as Olimpiadas das Amazonas:
“O que mais me gusta das Olimpiadas das Amazonas é todo o que temos que celebrar no primeiro filme. Aquí están estas persoas que son incríbelmente poderosas e competentes, pero distintas respeito a como resolven os problemas. Se te estiveron a adestrar durante centos de anos por mor dunha invasión que está por chegar, vas estar a traballar constantemente en todas esas habilidades. Así que para min, cada ano, terían esas Olimpiadas para ver quen está a face-lo millor montando a cabalo ou quen nada mais deprisa, e vendo os novos trucos que aprenderon“.
Jenkins soa moi entusiasmada respeito a explorar mais o mundo deses filmes alén da xa coñecida história de Diana, e iso sería do que trataría o cuarto filme e mais a série de debuxos animados:
“Estás a gozar o filme que estás a facer e ademais reflectindo o que podería ser diferente ou millor no mundo real. E polo tanto, que história queres contar. Iso é o millor para min das histórias de superheroes. Podes ter un diálogo sobre o que un heroe sería neste momento. Así que si, teño ideais para o que me gustaría dicir, e Gal tamén“.
Wonder Woman 1984 está aínda programada para se estrear nas salas de cinema o 2 de outubro, pero todo fica a expensas de que a pandémia do covid nos dea unha trégoa.