O manga Tomie, mais terror para a Quibi

76

A Quibi ven de lle dar a luz verde a unha nova série de televisión baseada en Tomie, o popular manga de terror orixinal de Junji Ito.

A actriz alemá Adeline Rudolph (Agatha Night en Chilling Adventures of Sabrina) será a protagonista da série, que conta coma director a Alexandre Aja (Horns, Crawl) e coma guionista a David Leslie Johnson-McGoldrick (o responsábel de Aquaman). A mesma parella será ademais a responsábel da produción executiva, no nome da Sony Pictures Television e a UCP.

A história orixinal vai sobre Tomie Kawakami, unha fermosa estudante de instituto (Rudolph) a quen se dá por desaparecida, e partes do seu corpo van xurdindo espalladas ao redor dunha pequena vila. Pero o que comeza semellando ser un misterioso asasinato resultará ser algo aínda moito mais terrorífico: Tomie actúa coma un súcubo que posúe o poder de facer que alguén se namore dela. Coa súa mera preséncia, ou coa manipulación psicolóxica, fai que a xente alporice e volva-se ciumenta. Os homes mátan-se entre eles e as mulleres tamén tolean.

O manga adaptou-se con anterioridade en Xapón a una série de películas de acción en vivo con oito capítulos até hoxe, e a unha série antolóxica de televisión estreada en 1999.

Os libros de Ito están profundamente influenciados polas obras de H.P. Lovecraft e H.R. Giger, cheos de estrañas e aterradoras imaxes de corpos en crueis universos onde a sociedade esborrálla-se. Un dos seus traballos de mais sona, Uzumaki, converterá-se axiña nunha série de debuxos animados con catro episódios na canle Adult Swim a finais deste ano ou a comezos de 2021.