O produtor independente de videoxogos Chair Entertainment Group ven de anunciar un acordo de asociación co escritor Orson Scott Card para crear unha série de xogos baseados na súa série de libros do Xogo de Ender.
Baixo os termos do acordo, Chair obtén os dereitos exclusivos para desenvolver videoxogos para todas as consolas do mercado e mais o PC. En colaboración con Card, a Chair escomezará a programar a finais deste ano un videoxogo inspirado na parte da “Sala de Batalla” do libro O Xogo de Ender.
“Dende o intre no que comecei a traballar con Donald Mustard e mais a súa equipa da Chair, souben que estes eran os tipos que eu qiería que fixeran o primeiro videoxogo do Xogo de Ender“, dixo Card.
No universo do Xogo de Ender, a humanidade está en guerra cunha espécie alieníxena coñecida coma as Formigas, e a Escola de Batalla é o lugar de adestramento para formar aos futuros líderes da Frota Internacional da Terra. Levado á Escola a unha idade moi ceda, o rapaz máis brillante da Terra deberá pasar un adestramento durísimo no que lle aprenderán teoría militar avanzada, estratéxia e táctica para vencer aos inimigos en condicións de gravidade cero.
O director Wolfgang Petersen (Troia) está a traballar nunha versión para o cinema deste clásico da ciéncia-ficción para os estudos Warner Brothers.