Apa e Carson viven a pandémia do futuro

964

O actor novacelandés K.J. Apa (Riverdale) e mais a actriz Sofia Carson (Feel the Beat) veñen de se facer cos papéis protagonistas de Songbird, o novo thriller producido por Michael Bay para a Invisible Narratives e mais a Catchlight Studios.

A parella unirá-se deste xeito a un reparto no que xa figuran Demi Moore, Bradley Whitford, Craig Robinson, Jenna Ortega, Paul Walter Hauser e Peter Stormare. O filme é agardado coma un dos primeiros en regresar á produción en Los Angeles, mália que o covid continúa a ocasionar a morte de milleiros de persoas en Califoŕnia todos os días.

A história está ambientada dous anos no futuro durante o encerro por mor dunha nova pandémia e vai sobre o amor entre o repartidor Nico (Apa), quen posúe unha rara inmunidade á enfermidade, e Sara (Carson), unha artista nova. Nico deberá sobrepoñer-se á lei marcial, aos vixilantes asasinos e a unha poderosa e ben conectada família dirixida por unha matriarca (Moore) que non se deterá ante nada para protexer á súa família e manter o seu estilo de vida.

Adam Mason (Into the Dark) será o director a partir dun guión de Simon Boyes. Bay é o produtor canda Adam Goodman e Eben Davidson.