O teléfone do señor Harrigan

Os produtores Ryan Murphy e Jason Blum unirán-se á Netflix para faceren unha longametraxe que adapte ao cinema o conto de Stephen King Mr. Harrigan’s Phone, un dos que se atopan dentro da súa escolma supervendas If It Bleeds.

John Lee Hancock será o director e mais o guionista do filme, que vai sobre un rapaz que se fai amigo dun millonário que vive na súa veciñanza nunha pequena cidade. Os dous fan-se amigos grazas ao primeiro smartphone do home, pero cando este morre e é enterrado canda o seu teléfone, o rapaz poderá continuar comunicándo-se con el por médio de mensaxes no contestador. Murphy, Blum e Carla Hacken serán os produtores.

A história é unha das catro que aparecen na escolma. Dúas das outras, Rat e The Life of Chuck, xa contan cun proxecto e os seus dereitos foron mercados por Ben Stiller e Darren Aronofsky respectivamente. A cuarta, que dá nome ao libro, Let It Bleed, aínda está dispoñíbel, pero o seu persoaxe protagonista, a detective vidente Holly Gibney, xa apareceu a primeiros deste ano na série The Outsider na canle HBO interpretada por Cynthia Erivo.