A Netflix ven de encargar a produción de Samurai Rabbit: The Usagi Chronicles, unha nova série de debuxos animados con imaxes xeradas por computador e baseada na popular saga de cómics Usagi Yojimbo de Stan Sakai publicada pola editorial Dark Horse.
James Wan e mais o seu selo da Atomic Monster será o produtor executivo desta comédia de acción que levará aos espectadores a un mundo que mistura imaxes de alta tecnoloxía con referéncias á história medieval do Xapón.
A série ten coma protagonista ao coello adolescente Samurai Yuichi, descendente do grande guerreiro Miyamoto Usagi, na súa procura épica para se converter nun auténtico samurai. Yuichi liderará un grupo de desfarrapados , entre os que hai un cazarrecompensas, un ninja, un carteirista e mais un lagarto mascota, e deberá enfrontar-se a toupeiras, morcegos e monstros doutra dimensión, todo para poder chegar ser o millor samurai de todos os tempos.
Nun comunicado, Sakai confirmou que está vencellado á produción en cadaún dos seus chanzos e que está entusiasmado coa dirección que está a tomar o proxecto.
A 88 Pictures (Fast & Furious Spy Racers) será a encargada de facer a animación por computadora.