Brad Dourif confirmado para Chucky

49

Xa é oficial: Brad Dourif regresará para lle poñer a voz ao diabólico boneco asasino Chucky na série de televisión que continuará coa franquía.

Na série Chucky, un vello boneco aparece nun mercadiño de garaxe ás afóras dunha idílica vila americana, que axiña caerá no caos en canto comece unha chea de horríbeis asasinatos que deixan expostas as hipocrisías e segredos da vila.

Mentres tanto, a chegada de inimigos e aliados do seu pasado ameaza con amosar a verdade que se agocha após dos crimes, así coma as orixes até agora nunca contadas do diabólico boneco coma un neno normal que se converteu neste famoso monstro.

Dourif interpretou o papel do boneco en todos os filmes da saga, agás no relanzamento do ano pasado. Don Mancini, que escribiu o guión do primeiro filme e das súas seis secuelas, será o showrunner e produtor executivo xunto a David Kirschner e Nick Antoscia.