A Netflix ven de anunciar plans para facer The Witcher: Blood Origin, unha minisérie limitada de seis episódios que servirá coma precuela á súa estremadamente decepcionante saga de The Witcher.
Ambientada nun mundo élfico 1.200 anos antes dos acontecementos de The Witcher, a nova série narrará as orixes do primeiro Bruxo e dos acontecementos que levaron á salientábel “conxunción das esferas”, cando os mundos dos monstros, os homes e os elfos fundíron-se nun só.
O argumento soa moi semellante á minisérie precuela Gods of the Arena da série Spartacus na Starz, así que o persoaxe de Henry Cavill moi probábelmente non apareza en absoluto, aínda que podería haber referéncias ao mesmo e se cadra algúns vencellos cos persoaxes da série principal.
Declan de Barra e mais Lauren Schmidt Hissrich serán os produtores executivos e o escritor Andrzej Sapkowski o consultor creativo. Declan de Barra, quen ademáis terá o encargo de showrunner, dixo nun comunicado:
“Coma afeccionado de toda a vida á fantasía, estou mais ca emocionado de narrar a história de The Witcher: Blood Origin. Unha pregunta leva ardendo na miña cabeza dende que lin por primeira vez os libros de The Witcher: Como era realmente o mundo Élfico antes da chegada cataclísmica dos humáns? Eu sempre tiven fascinación polo xurdir e a caída das civilizacións, como a ciéncia, os descobrementos, e a cultura floreceron xusto antes da caída. Como se perden para sempre vastas franxas de coñecemento en tan pouco tempo, decote agravado pola colonización e a reescritura da história. Deixando só fragmentos da verdadeira história dunha civilización atrás. The Witcher: Blood Origin contará a história da civilización dos elfos antes da sua caída, e o mais importante, revelará a história esquecida do primeiro Bruxo“.
Por mor da grave situación nos Estados Unidos, a série rodará-se en Inglaterra, pero polo de agora aínda non se deron a coñecer as datas nin o elenco de actores. A série principal pola súa banda acadou unhas cifras de 76 millóns de espectadores en todo o mundo tan só nas súas primeiras catro semanas, e a segunda tempada continuará a súa produción en canto lle sexa posíbel.
O novo proxecto en todo caso está separado da série de debuxos animados titulada The Witcher: Nightmare Of The Wolf, que narrará a história de Vesemir, o mentor de Geralt.