Seica o responsábel de Event Horizon e Resident Evil, Paul W.S. Anderson, vai ser o director do episódio piloto e mais o produtor executivo dunha nova série para a televisión que relanzará dende as orixes a primeira longametraxe que Guillermo del Toro realizou nos Estados Unidos, o filme de cascudas xigantes de 1997 Mimic.
A película orixinal, que foi unha adaptación ao cinema do conto homónimo de Donald A. Wollheim, ten lugar tres anos despois de que unha entomóloga (Mira Sorvino) introducira con éxito cascudas xenéticamente alteradas coñecidas coma “a variedade Xudas” entre a povoación destes insectos baixo Manhattan para aniquilaren ás outras e así rematar cun andazo que estaba a matar aos nenos da cidade.
Despois de que a vida volvera á súa normalidade, a entomóloga descubre que a variedade de Xudas non só sobreviviu, senón que evolucionou ao longo de decenas de milleiros de xeracións en tan só tres anos, converténdo-se en monstros de dous metros de altura que posúen a capacidade de imitar ás súas présas humáns, e agora viven nunha grande colónia baixo a cidade. Jeremy Northam, Charles S. Dutton, Giancarlo Giannini, F. Murray Abraham e Josh Brolin foran os outros protagonistas.
A Miramax TV está a desenvolver o proxecto coa axuda de Jim Danger Gray (Hannibal, Orange is the New Black) coma guionista e showrunner.