A estrea de Star Trek: Lower Decks será mencionada polos cronistas coma o comezo da série que se afastou das anteriores dun xeito que ningunha outra ousara antes: facendo humor. E non é que a franquía de Star Trek carecera de humor, senón que nunca se usara dun xeito tan óbvio e principal coma agora. Así pois, non haberá que desacougar cando vexamos aos protagonistas envoltos nas traxédias e horrores que só o espazo pode deparar.
A série comeza co alférez Boimler (Jack Quaid) gravando unha bitácora coma se fose o capitán, pero é descoberto pola alférez Mariner (Tawny Newsome), que se moquea del. E só con isto xa definimos os caracteres dos dous protagonistas: Boimler quere ser capitán, Mariner é unha infractora das normas. Pero ten boas razóns para iso, coma veremos mais adiante.
A USS Cerritos está a se preparar para completar o segundo contacto cos Galedorniáns, unha nova espécie, e mentres a recén chegada alférez D’Vana Tendi (Noël Wells) amósa-se entusiasmada e impresionada, o certo é que todos os nosos heroes son só tripulantes de segunda categoría dentro da nave.
A misión é asegurar-se de que todo o papeleo estea en orde para que Galedórnia se una á Federación e configurar os tradutores universais para poderen-se comunicar cos novos membros. Pero cando o primeiro oficial da nave saúda aos galerdoniáns, trába-lle un insecto nativo e o converte nun zombi cando volve á súa nave. O caos está por suposto asegurado.
A série é polo de agora irreverente, pero non até o punto de que non se poida encaixar dentro do canon de Star Trek, cousa que os produtores xa dixeron que non desexan facer. Se resulta divertida ou non é algo que cada espectador deberá decidir por si mesmo. Entretida é polo menos por aquilo da novidade. O humor non é friqui abondo coma para non podermo-lo comprender, polo que semella que está aberta á chegada de novos fans. Non é posíbel aínda saber se as dúas cousas son compatíbeis, pero o tempo no-lo dirá.