Bek Smith adaptará o Reborn da Millarworld

52

Bek Smith ven de se facer co posto de guionista da longametraxe Reborn, un filme de fantasía e ciéncia-ficción co que a Netflix e a Fortis Films adaptarán ao cinema o cómic homónimo publicado en 2016 pola Millarworld e orixinal de Mark Millar e Greg Capullo.

A história vai sobre unha muller de 80 anos que morre nun hospital e que esperta co corpo dunha versión moito mais nova dela mesma nun mundo fantástico de monstros e dragóns onde ten lugar unha guerra eterna entre o ben e o mal.

Alí reúne-se con antigos amigos e coñecidos, pero non co seu home, que morreu antes ca ela. Xunto con seu pai e mais o seu can, comezará unha busca para tentar atopa-lo.

Chris McKay (The Lego Batman Movie) será o director e Sandra Bullock e Roy Lee os produtores. A Netflix ven de obter un grande éxito coa adaptación doutro cómic de Millar, The Old Guard, mentres ca Smith está a traballar nos guións da secuela de Spider-Man: Into the Spider-Verse e mais dunha adaptación do cómic da Vertigo 100 Bullets.