O veterán actor Ron Yuan (Step Up: Year of the Dance) vai-se pasar á cadeira de director para se encargar dunha secuela de 47 Ronin, a infame fita de aventuras e fantasía de 2013 que protagonizou Keanu Reeves, para a Universal 1440 Entertainment (a división da Universal para vídeo doméstico) e a Netflix.
A história está ambientada tres séculos no futuro nun exótico mundo cyberpunk e segundo os estudos, será “unha versión fresca e nova da longametraxe orixinal” e incorporará elementos de terror xunto aos ninjas e samuráis clásicos.
John Orlando, Share Stallings e Tim Kwok serán os produtores. A rodaxe está prevista para comezar no primeiro cuadrimestre de 2021.
O director de anúncios Carl Rinsch foi o responsábel da película orixinal, que recadou 151 millóns de dólares en todo o mundo, pero que custou entre 175 e 225 millóns facer. A desastrosa produción e as pésimas críticas remataron por afundir un filme considerado un grande fracaso no seu tempo.
A Yuan poidémo-lo ver actuando en filmes dos anos 90 coma Fast and Furious ou Olympus Has Fallen, así coma en séries de acción e videoxogos. Ademais de actor, é un extra para escenas de risco e coreógrafo de escenas de loita.