Olivia Wilde dirixirá un filme da Marvel-Sony

71

A Sony Pictures ven de pechar un acordo coa actriz reconvertida en directora Olivia Wilde para que se encargue de realizar e desenvolver un novo proxecto de filme que irá sobre un persoaxe feminino dentro do universo Marvel propiedade da Sony.

Ainda que está sen confirmar, agárda-se que o filme estea protagonizado por Spider-Woman. Non está claro que dirección tomaría a versión de Wilde, xa que esta superheroína ven sendo o alter ego de moitos persoaxes dentro da liña argumental de Spiderman ao longo dos anos.

Wilde e mais a súa parceira guionista Katie Silberman escribirán o proxecto, que producirá Amy Pascal. O trío está arestora a traballar nun filme de nadal para a Universal e queren remata-lo antes de comezar con este. Para outono, Wilde ten previsto comezar a dirixir o thriller psicolóxico Don’t Worry Darling.

En todo caso, ese proxecto sería o segundo dentro do universo Marvel da Sony que conte cun protagonista feminino. O outro é Madame Webb, que seica dirixirá S.J. Clarkson. A Sony estaba a desenvolver asemade outros filmes para a Marvel, entre eles un de Black Cat e outro de Silver Sable, coa directora de The Old Guard Gina Prince-Bythewood vencellada.

Wilde unirá-se deste xeito ao grupo de directoras que ultimamente están a facer filmes con grande orzamento de superheroes dos cómics, após do enorme éxito que acadou Patty Jenkins con Wonder Woman e a súa secuela ou Anna Boden con Captain Marvel. Neste grupo habería que incluír ademais a Cathy Yan con Birds of Prey, Chloe Zhao en Eternals, e Nia DaCosta na secuela de Captain Marvel.