As Supernenas medran para a tele

109

A canle The CW ven de comezar o desenvolvemento de The Powerpuff Girls, unha nova série con actores de carne e óso que versionará o clásico dos debuxos animados orixinal do animador Craig McCracken e que emitiu a Cartoon Network dende 1998 a 2005.

A série orixinal durou 78 episódios ao longo de seis tempadas, e tiña coma protagonistas a Blossom, Bubbles e Buttercup, tres nenas con superpoderes que viven con seu pai e creador, o profesor Utonium. Coma superheroínas eran decote requiridas polo alcalde da cidade para loitaren contra terríbeis criminosos coma o símio Mojo Jojo, tamén creado por Utonium. A crítica recibiu moi ben o programa orixinal polo seu humor adulto e as referéncias á cultura pop, pero o remake de 2016, cun estilo mais xaponés e dirixido totalmente a un público infantil, contou cunha recepción moito mais negativa.

Nesta versión, as nenas estarán algo mais medradiñas e serán rapazas de vintetantos anos que se laian de perderen a súa infáncia loitando contra o crime. Serán capaces agora de volver unir-se unha vez mais, cando o mundo as precisa mais ca nunca?

O proxecto conta con Diablo Cody (Jennifer’s Body), Heather Regnier (Veronica Mars) e mais o omnipresente Greg Berlanti (The Flash) coma produtores executivos, xunto a Sarah Schechter e David Madden pola Warner Bros. Television e a Berlanti Productions.