A pandémia que comeza en decembro

892

Após de evitar en marzo por escasos días o peche da rodaxe por mor do corona, a vindeira série de televisión The Stand da canle CBS All Access, que adaptará á tele a novela homónima de 1978 de Stephen King, ven de obtér por fin unha data de estrea: o 17 de decembro.

A história orixinal, que xa non semella tan fantástica coma hai uns meses, vai sobre unha pandémia mundial chamada “Capitán Tripps” que destrúe ao 99% da povoación da Terra. Os supervivintes son inmunes á enfermidade, pero son obrigados a loitar entre eles porque se dividen en dous grupos: uns tenden á luz, outros á escuridade.

No elenco atópan-se nomes senlleiros coma os de Whoopi Goldberg no papel da Nai Abagail, Alexander Skarsgard coma o supervilán Randall Flagg, James Marsden coma Stu Redman e Amber Heard no papel de Nadine Cross. Jovan Adepo coma Larry Underwood, Heather Graham coma Rita Blakemoor, Owen Teague coma Harold Lauder e Odessa Young coma Frannie Goldsmith completan o reparto.

No pasado a novela xa fora adaptada á televisión nunha minisérie de 1994 moi suavizada, porque foi emitida pola canle ABC, e a Marvel publicou unha série de seis números escrita por Roberto Aguirre-Sacasa en 2008.

Josh Boone (The New Mutants) é o director, guionista e produtor da nova série, que conta con Ben Cavell coma showrunner, co-guionista e produtor executivo.