A HBO ten previsto desenvolver unha série de ciéncia-ficción baseada en Sphere, a clásica novela de 1987 escrita por Michael Crichton. Esta será a segunda adaptación ás pantallas da obra, despois de que en 1998 Barry Levinson a levara ao cinema con Dustin Hoffman, Sharon Stone, Samuel L. Jackson, Liev Schrieber e Queen Latifah, nun esforzo que non foi ben recibido pola crítica e o público.
A história orixinal ten lugar baixo o mar, a onde un grupo de científicos é levado para explorar o que semella ser unha nave espacial estrelada hai milénios e atrapada no fundo do océano. Pero mentres desentrañan os seus mistérios, decátan-se de que a xente que teñen ao seu redor son os mais estraños de todos.
A nova série contará cun showrunner, guionista e produtor executivo de luxo, Denise The, o mesmo que trouxo éxitos coma Westworld ou Person of Interest. A produción corrrerá a cargo da Kilter Film (a compañía de Jonathan Nolan e Lisa Joy) e a Team Downey (a compañía de Robert Downey Jr. e Susan Downey) para a Warner Bros. Television.
O proxecto en todo caso non garda relación co acordo que Nolan e Joy asinaron coa Amazon o ano pasado, aínda que a súa adaptación do videoxogo Fallout si que será na Amazon.