Silk, unha nova heroína para a tele

92

Silk, un dos persoaxes secundários da saga de Spiderman, podería ser o seguinte superheroe da Marvel en dar o chimpo ás pantallas e acadar unha série de seu.

A Sony, que ten os dereitos sobre o universo de Spiderman, está xa a desenvolver unha série con acción real sobre o persoaxe, e Lauren Moon (Atypical, Good Trouble) podería ser a encargada de escribi-la.

Ademais, os compoñentes do dúo responsábel da aclamada Spider-Man: Into the Spider-Verse, Phil Lord e Chris Miller, serán os produtores executivos por médio da súa empresa, o selo Lord Miller, xunto á antiga xefa da Sony Pictures Entertainment Amy Pascal.

O persoaxe en cuestión é Cindy Moon, unha rapaza coreano-americana compañeira de estudos de Peter Parker, quen tamén é trabada por unha araña radioactiva que lle dá o poder de se mover a incríbel velocidade, lanzar redes coas puntas dos dedos e mais o senso de araña característico do noso heroe trepamuros. Tiffany Espensen interpretou a Cindy no filme de 2017 Spider-Man: Homecoming, pero non está claro que repita o mesmo na série.

Polo momento non hai canles ou servizos de streaming vencellados ao proxecto, pero seica a Amazon estaría interesada en adquiri-lo xunto con outras séries de persoaxes parte do universo Sony. Lord e Miller asinaron xa un contrato para desenvolveren estes proxectos, e Silk sería o primeiro.