Snyder rodará novas escenas da Justice League

117

Primeiro ía ser só a mesma película pero montada polo director orixinal, logo pasou a ser dúas películas cunha duración total de case tres horas. Despois pasou-se a catro episódios nunha “série limitada” de mais de catro horas de duración. E ainda que nun princípio non había plans de rodar novas escenas, as cousas están a saírse de nai e a nova versión do filme de 2017 Justice League non será soamente a montaxe de Zack Snyder, senón que mesmo conterá partes que nunca foran filmadas antes.

A fotografía adicional terá lugar o mes que ven e durará pouco mais dunha semana. Nas novas escenas participarán Ben Affleck coma Batman, Henry Cavill no papel de Superman, Gal Gadot coma Wonder Woman e Ray Fisher coma Cyborg. A participación deste último está a ser problemática dende que deu a coñecer uns supostos abusos dos que foi vítima por parte de Josh Whedon durante a rodaxe de 2017. Fisher considera que non está a ser abondo defendido pola Warner Bros. Pictures e o seu cameo no filme The Flash o ano que ven pende dun fío nestes intres.

O veterán actor Ciaran Hinds, quen emprestou a súa voz para o persoaxe de Steppenwolf, comentou recentemente sobre a nova versión: “Era o seu soño [de Snyder] face-la, e eu coido que é fantástico que teña a súa oportunidade de realizar o que quixo facer nun primeiro intre. Ten a ocasión de recrear o que quixo facer, e eu espero que afronte o xuízo ao que se vai someter“.

Sexa o que sexa, a HBO Max ten a intención de nos amosar o resultado ao longo de 2021.

ACTUALIZACIÓN: Un día despois, Cavill desmentiu a súa participación nas novas escenas: “Eu non vou rodar nada adicional. Non. Son todas cousas que xa se fixeron. Obviamente non sei coma van evolucionar as cousas e a cambiar e se adaptar dependendo agora da diferente duración do filme e o que sexa que aconteza na pos-produción. Que leccións podemos aprender do que pasou en catro anos dende que se estreou Justice League? Catro anos de reacción dos fans. Para min… agora só a ver a festa“.

Por outra banda, algúns médios anúncian que os custes iniciais (ao redor de 30 millóns de dólares) que ía supoñer esta nova montaxe de Snyder son incorrectos. Seica o novo orzamento sube xa até os 70 millóns.