A HBO Max ven de encargar a produción dunha nova série titulada Peacemaker, un spin-off da vindeira longametraxe de James Gunn The Suicide Squad que será producida pola Warner Bros. Television.
O actor e rapeiro John Cena, moi popular nos Estados Unidos por ser un “loitador” da WWE, será o protagonista desta comédia de acción e aventuras, repetindo o seu papel do filme. O mesmo Gunn é o autor do guión, produtor executivo e director de moitos episódios, incluíndo o piloto.
Polo de agora non se deron a coñecer detalles sobre o argumento, agás que explorará as orixes de Peacemaker, un home que cré na paz a calquera prezo, sen importar a canta xente teña que matar para consegui-la. A produción ten previsto o seu comezo para primeiros de 2021, antes de que Gunn inície o seu traballo en Guardians of the Galaxy Vol. 3 e da estrea de The Suicide Squad nos cinemas o 6 de agosto. Todo iso supoñendo que o covid dea unha trégoa.
Esta será en todo caso a cuarta expansión na tele dun filme da Warners aínda por estrear, despois de que Dune, Wonder Woman 1984 e The Batman obtiveran as súas correspondentes séries centradas respectivamente na irmandade das Bene Geserit, as amazonas de Themyscira e mais o departamento de policía de Gotham.