A Hideout Pictures ven de se facer cos dereitos para levar ao cinema a triloxía de novelas de ciéncia-ficción para adolescentes Salvage Title, orixinal do escritor Kevin Steverson, e xa conta con plans para converte-la nunha longametraxe.
A história vai sobre Harmon Tomeral, un orfo que entra na académia de pilotos espaciais e se gradúa entre os primeiros da clase. Pero mália iso, a flota espacial non lle concede unha nave, así que xunto aos seus amigos decide participar nunha competición para gañar 100.000 cretos cos que iniciar unha empresa de salvamento de seu. Se puideran construír un mech e gañar a competición sería perfecto, pero a flota xa amosou que non quería a Harmon no espazo. Por sorte, os seus amigos e a tripulación están moi en contra dos regulamentos da flota…
Steverson é un veterán retirado do exército americano e o seu estilo chan e militarista é salientábel en toda a súa obra. A triloxía foi publicada pola Theogony Books e está composta polos tomos Salvage Title (2018), Salvage Fleet (2018) e Salvage System (2019). Ademais conta con outros dous libros, Salvage Conquest e Hide the Lightning ambientados no mesmo universo.
Para o filme, Doug Wagner está a escribir o guión, que producirán Shannon Houchins, Trevor O’Neil e Potsy Ponciroli.