Dougherty confirmado na nova Nightbreed

114

O director de Godzilla: King of the Monsters e Trick ‘r Treat, Michael Dougherty, será o máximo responsábel da adaptación á tele da lendária Nightbreed, a saga de fantasía e terror urbán orixinal de Clive Barker.

Barker atópa-se na actualidade promovendo outra adaptación, neste caso a que a Hulu está a realizar da súa saga de novelas Books of Blood, e no decurso da mesma confirmou as novas, revelando que está a escribir a “bíblia” da série, baseada na súa novela de 1988 Cabal, que deu orixe ao filme de 1990 Nightbreed.

O filme orixinal fora dirixido polo mesmo Barker e ía sobre un paciente mental inestábel, Aaron Boone (Craig Sheffer), que é falsamente levado a acreditar polo seu médico (David Cronenberg) que é un asasino en série. Localizado pola policía, polo seu médico e pola súa namorada Lori (Anne Bobby), Boone acaba por atopar refúxio nun cemitério abandoado chamado Midian, entre unha tribo de monstros e párias coñecida coma Nightbreed, onde se agochan da humanidade.

O proxecto foi daquela un fracaso comercial e de crítica, pero tamén un filme comprometido, porque Barker tivo que recurtar case unha hora do tempo de proxección, o que o reduciu a 102 minutos. Durante anos as bobinas perderan-se mentres un lendário “Cabal Cut” circulaba até ao início desta década, cando a Shout! Factory fixo unha restauración coa montaxe do director, que lle quitou 20 minutos ao filme de 1990 pero lle engadiu outros 40 novos.

Josh Stolberg e Barker están a escribir a nova versión, con James G. Robinson, David Robinson e Barbara Wall na produción executiva.