O actor inglés Paddy Considine (Hot Fuzz) será Viserys Targaryen, o rei Viserys I, en House of the Dragon, a vindeira série precuela de Game of Thrones da HBO.
Considine é deste xeito o primeiro actor que entra no elenco da nova série definida vários séculos antes dos eventos de Game of Thrones. Viserys é escollido polos señores de Westeros para suceder ao Vello Rei, Jaehaerys Targaryen, no Grande Consello de Harrenhal.
Viseris é un home cariñoso, bondoso e decente, e só desexa sacar adiante o legado do seu avó. Pero as boas persoas non fan necesariamente grandes reis. Os seus fillos, Rhaenyra e Aegon II, comezarán unha guerra civil para se faceren co seu trono, unha guerra que se coñecerá coma a Danza dos Dragóns.
Miguel Sapochnik e Ryan Condal serán os showrunners e tamén produtores executivos xuntamente con George R. R. Martin e Vince Gerardis. Sara Lee Hess será a guionista e produtora executiva.
Considine é coñecido polos espectadores da HBO, e ten aparecido recentemente en séries coma The Outsider ou The Third Day. House of the Dragon pola súa banda recibiu un pedido de dez episódios e ten prevista a estrea para 2022.