A inglesa Kaya Scodelario (Crawl), Hannah John-Kamen (Ant-Man and the Wasp), Robbie Amell (The Flash), Tom Hopper (The Umbrella Academy), Avan Jogia (Now Apocalypse) e mais Neal McDonough (Legends of Tomorrow) serán os protagonistas do novo relanzamento da saga Resident Evil nunha longametraxe que producirá a Constantin Film.
Escrita e dirixida por Johannes Roberts (47 Meters Down), a nova versión recomezará a franquía orixinalmente inspirada polo videoxogo da Capcom cun tón moito mais sinistro e terrorífico e non simplemente baseado en escenas de acción coma até agora. Roberts citou de feito os dous primeiros videoxogos da saga coma a súa grande influéncia: “unha experiéncia visceral aterradora… e unha história humana fundamentada sobre unha pequena cidade americana moribunda“.
A história comeza coma é ben sabido nunha funesta noite en Raccoon City en 1998; a fictícia vila do médio oeste que é o centro do andazo dun virus creado coma arma biolóxica, que o destrúe e muda para sempre o país.
Scoledario interpretará a Claire Redfield, quen se dirixe a Raccoon City para visitar ao seu irmán Chris (Amell). John-Kamen será Jill Valentine, un membro da división de élite S.T.A.R.S. dentro do departamento de policía da cidade.
Hopper fará o papel de Albert Wesker, un home falso que serve á perigosa investigación biolóxica mutante da Umbrella Corporation encanto esconde a súa crenza de que a extinción en masa é o que a humanidade precisa.
Jogia será Leon Kennedy, un axente federal antiterrorista, e McDonough é William Birkin, un virólogo que se volve contra a Umbrella Corporation pero que no proceso será unha ameaza aínda mais grande para a cidade.
Robert Kulzer, James Harris e Hartley Gorenstein son os produtores. A Screen Gems ten prevista a estrea nas salas de cinema ao longo de 2021.