O corona detén á Orde Máxica

1619

A Netflix ven de frear o desenvolvemento da série The Magic Order, que adaptaría á tele o cómic homónimo de Mark Millar baixo a produción de James Wan.

O cómic orixinal, unha série de seis números, ía sobre cinco famílias de meigos xuramentados para protexer o noso mundo durante xeracións e que deben loitar contra un inimigo que está a mata-los ún a ún.

O proxecto está aínda na fase de guión e aínda non comezou a elección dos actores, pero tiña previsto o início da rodaxe a primeiros de 2021 en Praha, onde xa se desprazaran algúns membros da equipa.

Nombergantes, e por mor do cobizoso alcance do proxecto e da súa natureza global, a Netflix decidiu botar os freos polo de agora. A compañía aínda está interesada en desenvolver unha adaptación da série no futuro. A obra foi de feito no mundo do cómic a publicación mais vendida dos últimos vinte anos.

O problema é que a República Checa está a pasar agora mesmo polos peores intres da pandémia e esta semana acadaron novos récords de infectados, entre eles coma mínimo un membro da equipa de produción. Os números do corona en toda Europa están a medrar exponencialmente e iso xera moita incerteza para as producións de cinema e televisión.

Lindsey Beer é o guionista e ía ser o showrunner e o noruegués André Øvredal está vencellado para dirixir o episódio piloto.