A Legendary, a compañía responsábel de filmes coma Dune ou Kong: Skull Island, está a lle dar os derradeiros toques a un acordo polo que se fará dona dos dereitos sobre o clásico persoaxe de ciéncia ficción do século XXV Buck Rogers.
Don Murphy e Susan Montford (Transformers, Real Steel) producirán unha longametraxe que tentará relanzar unha franquía multiplataforma. Este filme concretamente tentará asemade crear as condicións para que se poida realizar unha série de televisión e unha de anime, dándo-lle aos espectadores unha explicación real do mundo que nos agarda no século XXV.
O persoaxe, que tivo as súas orixes no conto de Philip Francis Nowlan Armageddon 2419 A.D., publicado no número de agosto de 1928 da revista Amazing Stories, é un veterán da Primeira Guerra Mundial que fica nun estado de animación suspendida por mor dun accidente radiactivo. Cando esperta, cinco séculos no futuro, é alistado para axudar a loitar nunha guerra entre distintas bandas de criminosos nun país que existe onde hoxe están os Estados Unidos.
Aínda que con diversos chimpos temporais, a propriedade leva vivindo nos cómics e na literatura dende hai cen anos, e inspirou moitas imitacións, entre elas outros clásicos coma Flash Gordon ou na paródia de Duck Dodgers, o inesquecíbel persoaxe da Looney Tunes, pero sobre todo é relembrado grazas á série de televisión que emitiu a NBC entre 1979 e 1981 (e que chegou a Galiza trinta anos despois na TVG), protagonizada por Gil Gerard e Erin Gray.
Nestes intres a Legendary atópa-se á procura dun guionista para pór en marcha o proxecto.