Kinberg escribe a nova Galactica

858

O guionista e produtor Simon Kinberg desempeñará estas dúas tarefas nun novo proxecto, a longamente agardada adaptación ao cinema da franquía de ciéncia-ficción da televisión Battlestar Galactica que está a se xestar na Universal Pictures.

Kinberg foi o principal responsábel dos filmes mais recentes dos X-Men e agora unirá-se ao produtor Dylan Clark neste proxecto, que contou ao longo de distintos intres cos nomes de Bryan Singer e Francis Lawrence coma directores vencellados ao mesmo.

Nun comunicado, Kinberg dixo: “Battlestar Galactica é un dos santos graais da ciéncia-ficción, e eu non podería estar mais emocionado por traer algo novo á franquía mentres honro todo o que a fixo tan emblemática e duradeira. Estou moi agradecido de que Dylan e os meus parceiros na Universal confiaran en min para este incríbel universo“.

Glen A. Larson creou a série orixinal para a canle ABC a finais dos anos 70, mentres que a NBC Universal TV produciu a moito millor e mais aclamada nova versión de Ronald D. Moore que se emitiu dende 2004 a 2009 no Sci-Fi Channel. Ambas versións tiñan en común a un grupo de humáns, os derradeiros supervivintes dunha guerra perdida contra unha raza de robots (os Cylons), que destruíu as Doce Colónias onde habitaban.

Todos os humáns fican a bordo dun grupo de naves espaciais, escoltados pola nave de combate Galactica, mentres buscan a súa derradeira opción por sobreviviren: unha fabulosa decimoterceira colónia, coñecida coma Terra.

O ano pasado anunciou-se que o creador de Mr. Robot, Sam Esmail, estaba a desenvolver unha série de televisión baseada na versión de Ron Moore para o servizo de streaming da Universal, o Peacock. O filme de Kinberg non garda relación con estoutro proxecto.