Tim Burton, que dende que dirixiu Alice in Wonderland en 2010 non viviu mais éxitos nos despachos de billetes, está a desenvolver unha nova série de televisión, que reimaxinará á Família Addams e suporá a primeira incursión de Burton no mundo das séries de televisión con acción real.
O realizador, responsábel de clásicos coma Beetlejuice e Mars Attacks, sería o produtor executivo e pode que director dos episódios desta nova versión con acción real da clásica franquía creada en 1938 pero que chegou á tele por primeira vez nos anos 60. O dúo de guionistas de Smallville composto por Alfred Gough e Miles Millar será o responsábel dos guións, ademais de produtores executivos e showrunners.
A MGM TV financiou o desenvolvemento da série e xa conta con moitos interesados en merca-la, coma a Netflix. Nesta versión, os Addams vivirán nos nosos tempos e presentarán-se baixo a perspectiva de Wednesday Addams e de como sería para ela o mundo en 2020.
The Addams Family foi creada en formato de cómic por Charles Addams, pero as súas versións mais salientábeis foron na televisión, no cinema, e tamén en videoxogos. A última vez que a vimos nas pantallas foi o ano pasado nunha versión de Conrad Vernon, pero as aparicións mais famosas son de 1991 e 1993, dirixidas por Barry Sonnenfeld e cun reparto de luxo no que figuraban Anjelica Huston, Raul Julia, Christopher Lloyd e Christina Ricci.