A produtora Allnighter ven de se facer cos dereitos sobre o cómic The Strange Talent of Luther Strode, orixinal da editorial Image Comics, e xa conta con plans para facer unha versión no cinema.
A série vai sobre Luther, un adolescente que envía unha resposta por correo a un anúncio que atopou nun tebeo coa esperanza de recibir o segredo de como gañar músculos axiña, pero en troques só recibe un manual de instrucións dun culto de asasinos tan antigo coma a raza humana.
Cando “O Método”, o plan do culto, comeza a funcionar, Luther descubre que non só é mais forte e mais rápido ca antes, senón tamén un pouco mais homicida do que agardaba… un feito que atrae a atención de moita xente distinta.
A série orixinal durou seis números, que comezaron a se publicar en 2011, e deu orixe a dúas continuacións. Os creadores Justin Jordan e Tradd Moore serán os produtores da longametraxe e Jordan encargará-se de adaptar o guión.
Nun comunicado de prensa, Jordan dixo que Allnighter “está comprometido a ficar fiel a todos os fundamentos – dende o tón até a mitoloxía, e por suposto, a acción cinética“. A equipa executiva de Allnighter anteriormente dirixiu Hivemind, a compañía que produce as séries de televisión The Witcher e The Expanse, polo que é de agardar un bó nivel de calidade.