Wonder Girl, heroína latina na CW

255

A canle The CW ven de comezar o desenvolvemento de Wonder Girl, unha adaptación ás pantallas do persoaxe que é a primeira superheroína da DC Comics de orixe latinoamericana.

A série céntra-se en Yara Flor, unha emigrante filla dunha guerreira do Amazonas e mais dun deus do río brasileiro, que descubre que é Wonder Girl. Cos seus novos poderes deberá loitar contra as forzas do mal que queren destruír o mundo.

Greg Berlanti, que produce todas as outras séries de superheroes da DC para a canle, será o produtor executivo xunto a Daylin Rodríguez, a responsábel de Queen of the South. Sarah Schechter e David Madden serán os outros dous produtores executivos desta série, que terá lugar no mesmo “Arrowverso” que The Flash, Supergirl, DC’s Legends of Tomorrow, Batwoman, Black Lightning e a vindeira Superman and Lois.

Black Lightning pola súa banda anunciou asemade a súa despedida após de catro tempadas, co que se converte na terceira série da canle que rematará, despois de que xa o fixera Arrow o ano pasado (con 8 tempadas) e Supergirl o ano que ven (6 tempadas).