Unha escolma de escritos orixinais de J.R.R. Tolkien, até agora nunca vistos, e que exploran o mundo da Terra Méia en diferentes ensáios que falan de temas que van dende a reencarnación dos Elfos até que persoaxes teñen barba, será publicada o verán que ven.
A nova escolma conta coa autorización dos herdeiros de Tolkien e levará por título The Nature of Middle-earth (A Natureza da Terra-Méia). Será publicada ao longo do mes de xuño pola HarperCollins, que prometeu que “transportará aos lectores de volta ao mundo do Silmarillion, Contos inconclusos e O Señor dos Anéis“. A editorial é a responsábel de distribuír unha chea de obras de Tolkien despóis da súa morte en 1973, entre eles The Children of Húrin, Beren and Lúthien e The Fall of Gondolin.
A primeira história da Terra-Méia de Tolkien foi The Hobbit, publicada en 1937, seguida de The Lord of the Rings en 1954 e 1955, pero Tolkien continuou escribindo sobre o mesmo tema nas seguintes décadas, até o mesmo intre da súa morte.
Entre os temas que abrangue este novo libro están a inmortalidade dos elfos e a súa reencarnación, a natureza dos Valar, os deuses espírito da Terra-Méia, as terras e bestas de Númenor, a xeografía dos reino de Gondor, e mesmo que seres teñen barbas. Se os elfos, os hobbits, e mesmo as mulleres dos ananos poden ter barbas ou non é un tema clásico de debate entre os fans.
O libro contará coa edición de Carl F. Hostetter, experto en Tolkien e presidente da Irmandade da Lingüística Elfa, que é ademais enxeñeiro de computadores da NASA dende 1985. Hostetter xa traballara con anterioridade canda o fillo mais novo de Tolkien, Christopher, responsábel da súa herdanza até que finou este pasado mes de xaneiro aos 95 anos.