Luz verde para The Last of Us

713

A HBO ven de lle dar a luz verde a The Last of Us, a adaptación para a televisión da aclamada saga de videoxogos do mesmo título.

A história está ambientada vinte anos despois da destrución da civilización moderna nun apocalipse biolóxico vencellado a esporas de fungos. A acción céntra-se en Joel, un duro supervivente que é contratado para introducir a unha rapaza de catorce anos chamada Ellie dentro dunha opresiva zona de corentena. O traballo, que semellaba sinxelo, convérte-se nunha brutal viaxe na que ambos dependerán o ún do outro para sobreviviren.

A série conta co desenvolvemento do showrunner de Chernobyl, Craig Mazin, a produtora de Game of Thrones Carolyn Strauss e do autor do xogo e director creativo Neil Druckmann. A HBO e a Sony Pictures TV producirán o programa xunto á PlayStation Productions, a Word Games e á compañía que desenvolveu o xogo, a Naughty Dog.

O proxecto levaba anunciado dende o mes de marzo, pero só agora obtivo a aprobación definitiva.