Whedon abandoa The Nevers

704

Joss Whedon ven de abandoar o proxecto de série de ciéncia-ficción The Nevers que el creou en 2018 e que aínda está por estrear. Nun comunicado, a HBO dixo que se separan de  Whedon, pero que continúan entusiasmados co futuro de The Nevers e agardan a súa estrea para o verán de 2021.

Whedon estaba encargado de escribir, dirixir e ser o showrunner dun drama épico de ciéncia-ficción sobre un grupo de mulleres vitoráns con poderes especiais, inimigos implacábeis e unha misión que podería cambiar o mundo. Este tería sido o seu regreso á televisión despois da breve Dollhouse.

Pola súa banda, Whedon dixo que “o nivel de compromiso necesário para avanzar, xunto aos desafíos físicos de facer unha série tan grande durante unha pandémia, é mais do que podo facer sen que o traballo comece a sufrir. Estou realmente esgotado, e vou dar un paso atrás para mandar a miña enerxía cara á miña própia vida, que tamén está a piques de ter un cámbio emocionante“.

No elenco de protagonistas da série están Laura Donnelly, Olivia Williams, James Norton, Tom Riley, Ann Skelly, Ben Chaplin, Pip Torrens, Zackary Momoh, Amy Manson, Nick Frost, Rochelle Neil, Eleanor Tomlinson e Denis O’Hare.

Os guionistas e produtores Jane Espenson, Doug Petrie e Bernie Caulfield fican polo de agora vencellados ao proxecto.