A vindeira película de grande orzamento da Legendary Pictures, Godzilla vs. Kong, a cuarta entrega da súa saga de filmes do “Monster-verso” que comezou en 2014 con Godzilla e continuou en 2017 con Kong: Skull Island e 2019 con Godzilla: King of the Monsters, semella apuntar directamente ao mercado de streaming.
A Netflix fixo unha oferta de mais de 200 millóns para se facer co filme, pero polo de agora a WarnerMedia bloqueou o seu acordo porque quere estrear a longametraxe no servizo de streaming de seu, a HBO Max.
A Legendary financiou o 75% do orzamento e aínda ten moito que dicir respecto ao acordo, pero a distribuidora, a Warner Bros. Pictures, é quen controla o lanzamento. Un voceiro da Warner Bros. negou que houbera unha decisión e limitou-se a dicir que a estrea se producirá o ano que ven nas salas de cinema tal e coma estaba no calendário.
O problema é nestes intres China, onde os filmes anteriores foron un éxito e recadaron un 30% do total do despacho de billetes. Un acordo coa Netflix non podería incluír a China, onde o servizo está prohibido, mentres que o acordo coa HBO Max sería posibelmente semellante ao plan que xa teñen con Wonder Woman 1984: usar o día de nadal para distribuír en streaming en Estados Unidos e no cinema no resto do mundo.
Godzilla vs. Kong ten aínda coma data oficial de estrea o 21 de maio de 2021 pero aínda non está nada claro que as salas poidan estar abertas esa data nos Estados Unidos. E mentres que hai unha chea de grandes filmes por estrear, a Legendary debe suportar os custes de non poder lanzar un filme que potencialmente será un éxito mundial.
O filme anterior da franquía, Godzilla: King of the Monsters, recadou 386 millóns de dólares en todo o mundo, mentres que o primeiro e mais o segundo levaron entre os dous un pouco mais de 1.000 millóns en total.