Listo o elenco de Willow

218

Erin Kellyman (Solo: A Star Wars Story), Cailee Spaeny (The Craft: Legacy) e mais Ellie Bamber (The Trial of Christine Keeler) están a manter conversas para se unir ao reparto da série de televisión Willow na Disney+ e a Imagine Television. Polo de agora non se sabe cadanseu papel.

A série estará ambientada anos despois dos acontecementos do filme orixinal de 1988 e presentará novos persoaxes. O proxecto foi xa aprobado oficialmente e a Disney encargou a produción da série, que en todo caso contará coa súa estrela principal, Warwick Davis, disposto para regresar.

No filme, o anano Willow Ufgood (Davis) era recrutado contra a súa vontade para xogar un salientábel papel na protección dunha nena chamada Elora Danan, ameazada pola malvada raíña (Jean Marsh), quen acreditaba nunha profecía segundo a cal Elora lle causaría a súa caída. Val Kilmer, Joanne Whalley, Billy Barty e Kevin Pollak foron os outros protagonistas.

Para a série, Jon M. Chu dirixirá o episódio piloto e será ademais o produtor executivo, mentres que Jonathan Kasdan e Wendy Mericle serán os showrunners. Ron Howard, que dirixiu o filme orixinal, regresará coma produtor executivo. O autor do guión da película, Bob Dolman, traballará coma produtor consultivo e a presidenta da Lucasfilm, Kathleen Kennedy, será tamén produtora executiva xunto a Michelle Rejwan.