O escritor de ciéncia-ficción dura Ben Bova morreu aos 88 anos o pasado domingo, segundo anunciou a súa sobriña en Twitter.
“O meu tío Ben… por matrimónio… icona da ciéncia-ficción, autor, amante das aventuras, narrador de histórias, futurista, e homónimo de meu fillo, Ben Bova, faleceu esta mañá dunha pneumonía e un derrame cerebral relacionados co COVID-19“, escribiu nun chío o domingo. “Non fai falla dicir que o botaremos moito de menos, nós e o mundo“.
Bova nacera en Philadelphia durante a Gran Depresión e graduou-se na Universidade de Temple na súa cidade natal na década dos 50. Recibiu outros títulos, Master na State University de New York e Doutor en educación da California Coast University.
Escritor prolífico, Bova é autor de mais de 200 obras de ciéncia, realidade e ficción, entre as que se inclúen relatos curtos, ensáios, artigos para xornais, obras de non ficción e novelas.
Ao longo dos anos recibiu numerosas honras, entre elas o prémio aos logros de toda unha vida da Fundación Arthur C. Clarke e o prémio Robert A. Heinlein en 2008. Gañou seis Prémios Hugo e foi presidente da Science Fiction and Fantasy Writers of America e da National Space Society. Tamén foi editor da revista Analog e director editorial de Omni, unha revista de ciéncia e ciéncia-ficción.
En 2016 publicara 124 libros, entre os que cómpre salientar as séries de novelas de Grand Tour, Orion, Voyagers, Watchmen e Star Quest, e as obras Escape!, THX 1138 (que co-escribiu xunto a George Lucas), City of Darkness, The Immortality Factor ou Mars Inc.
Bova traballou ademais coma asesor científico da série de televisión The Starlost e co-escribiu o guión dun episodio de Land of the Lost, e foi consultor do filme Repo Men (2010).
Nunha homenaxe á súa defunta esposa, Bova escribira en 2009: “A morte chega para todos, tarde ou cedo. Fai-te sentir impotente. Especialmente a min, que pasei toda a vida escribindo sobre as marabillas da ciéncia e as brillantes perspectivas do futuro“.