Seica a HBO está nos primeiros chanzos do desenvolvemento dunha nova versión da súa série True Blood, na que participarían o creador de Riverdale e Sabrina, Roberto Aguirre-Sacasa, e mais o creador da série orixinal, Alan Ball, quen tamén será produtor executivo.
O programa orixinal emitiu-se ao longo de sete tempadas, dende 2008 a 2015. Estaba ambientado nunha vila de Lousiana chamada Bon Temps, despois de que o desenvolvemento de sangue humano artificial permitise aos vampiros anunciar a súa presenza ao mundo. Charlaine Harris escribiu a saga de novelas nas que se baseou a série de televisión.
True Blood resultou ser un grande éxito para a HBO, que acadou ao redor de cinco millóns de espectadores por episódio na súa terceira e cuarta tempadas. Tamén influíu para ben nas carreiras de moitos dos seus protagonistas, Anna Paquin, Stephen Moyer, Alexander Skarsgard, Sam Trammell, Ryan Kwanten, Carrie Preston e Joe Manganiello.
Aguirre-Sacasa escribirá o episódio piloto desta nova versión xunto a Jami O’Brien (NOS4A2).