Grandes anúncios da Marvel

132

No decurso da conferéncia de investidores da Disney, a Marvel Studios ofreceu toda unha chea de novidades que servirán para devolver un pouco o sorriso aos fans que pasaron todo un ano sen novos filmes.

Para comezar, o director de Spider-Man: Homecoming, Jon Watts, encargará-se de lle dar unha nova oportunidade aos Catro Fantásticos, esta vez, por fin, coma parte integrante do universo Marvel. Polo de agora iso é todo o que sabemos.

Peyton Reed regresará para dirixir Ant-Man and the Wasp: Quantumania, que contará non só con todos os actores do elenco das dúas primeiras entregas, senón ademais con Kathryn Newton (Freaky) coma Cassie Lang e co recente descubrimento de Lovecraft Country Jonathan Majors coma Kang o Conquistador.

Rachel McAdams regresará para Doctor Strange in the Multiverse of Madness, cuxa data de estrea adía-se até o 25 de marzo de 2022.

O filme Captain Marvel 2 conta agora con se estrear o 11 de novembro de 2022, con Nia DaCosta dirixindo e Brie Larson de novo coma protagonista no seu papel de Carol Danvers. Ademais, se lles une Teyonah Parris no papel de Monica Rambeau, que tamén fai en WandaVision, e Iman Vellani, a nova e moi agardada Ms. Marvel.

Finalmente Black Panther II chegará o 8 de xullo de 2022 e confirman que non lle van dar o papel do rei T’Challa a ningún outro actor. Ryan Coogler volve a se sentar na cadeira de director.

Para o servizo de streaming da Disney+ anúncian ademais tres novas séries: a primeira é Secret Invasion, na que Samuel L. Jackson volverá ser Nick Fury e Ben Mendelsohn será o Skrull Talos.

A segunda é Armor Wars, con Don Cheadle repetindo o seu papel de James Rhodes/War Machine e explorando o que acontece cando a tecnoloxía de Tony Stark cae en malas mans.

E a terceira é Ironheart, que protagonizará Dominique Thorne coma Riri Williams. Nesta série veremos a versión da armadura mais avanzada dende Iron Man.

E coma sorpresas especiais, temos outras dúas. A primeira é I Am Groot, unha série de curtas protagonizadas polo bebé Groot e moitos novos persoaxes non habituais. E James Gunn escribirá e dirixirá The Guardians of the Galaxy Holiday Special, que chegará ás nosas pantallas en 2022.

No capítulo de revelacións finais, chegou a confirmación de que Christian Bale interpreta ao deus Gorr en Thor: Love and Thunder, que se estrea o 6 de maio de 2022, Tim Roth regresa coma Abomination e Mark Ruffalo coma Hulk na série She-Hulk que protagonizará Tatiana Maslany.