Novas séries con Ahsoka e Lando

1172

Na quenda da Lucasfilm na conferéncia de investidores da Disney houbo toda caste de revelacións abraiantes que farán gozar non só aos accionistas, senón tamén aos fans da saga da Guerra das Galáxias.

A primeira é que Hayden Christensen repetirá o seu papel de Anakin Skywalker/Darth Vader na vindeira série limitada Obi-Wan Kenobi no servizo de streaming da Disney+. A série ten lugar dez anos despois dos acontecementos de Star Wars: Episode III – Revenge of the Sith e nove antes do Episódio IV, o clásico A New Hope.

O seguinte é o anúncio de dúas novas séries que teñen lugar na mesma liña temporal que The Mandalorian (ou sexa, vários anos despois de Return of the Jedi). A primeira é Ahsoka, que protagonizará Rosario Dawson no papel de Ahsoka Tano, que ven de aparecer recentemente no episódio 5 da segunda tempada de The Mandalorian. E a outra é Rangers of the New Republic, unha série orixinal da que polo de agora non se saben moitas mais cousas. Ambas contarán coa supervisión de Dave Filoni e Jon Favreau.

Pero iso non é todo. Ademais anunciou-se Lando, unha nova série que protagonizará o persoaxe de Lando Calrissian, co creador de Dear White People, Justin Simien, desenvolvendo o programa.

The Acolyte será unha série thriller protagonizada por mulleres e que “levará aos espectadores a unha galáxia de misteriosos segredos e emerxentes poderes escuros nos derradeiros días da era da Alta República“. E todo coa creadora de Russian Doll, Leslye Headland.

Pola súa banda, Star Wars: Visions será unha série orixinal de curtas de debuxos animados celebrando este universo a través dos ollos dos millores creadores xaponeses de anime. Os primeiros episódios chegarán en 2021.

Logo ven A Droid Story, un filme de aventuras no que participarán a Lucasfilm Animation e a Industrial Light & Magic e que promete ser unha viaxe épica que nos presentará a un novo heroe guiado por R2-D2 e C-3PO.

A todo isto hai que engadir as xa anunciadas The Bad Batch, unha série de debuxos animados, e Andor, a série que protagoniza Diego Luna no papel do capitán Cassian Andor.