A Netflix anúncia catro novas séries

669

Entre os sete novos proxectos que a Netflix confirmou onte que producirá a súa filial inglesa, hai catro que interesarán aos fans mais mozos do xénero fantastico.

Andy Serkis producirá a série sobrenatural para adolescentes Half Bad, creada polo escritor Joe Barton e baseada na triloxía homónima de Sally Green. A história vai sobre o fillo ilexítimo de 16 anos da meiga mais temida do mundo, quen pasou a súa vida enteira sendo vixiado na procura de sinais de que podería seguir o mesmo camiño destrutivo que o seu pai.

Cuckoo Song é unha história de terror en seis capítulos sobre dúas irmás en guerra: unha humana, outra é un monstro, que deberán unir-se para reverter un pacto sobrenatural que saiu terribelmente mal. Sarah Dollard (Being Human) será a protagonista da série baseada na novela de Frances Hardinge.

O director e guionista de Attack the Block, Joe Cornish, regresa cunha série sobrenatural de acción detectivesca en oito episódios titulada Lockwood & Co, baseada nas novelas supervendas de Jonathan Stroud. A história vai sobre dous adolescentes e unha rapaza con grandes poderes psíquicos. Os tres forman unha axéncia cazapantasmas que deberá loitar contra espíritos diabólicos e contra as outras axéncias da competéncia.

Finalmente, Sophie Petzal adaptará a novela de mistério de Stuart Turton The Seven Deaths of Evelyn Hardcastle nunha série de sete capítulos ambientada nunha enorme finca mentres se fai a pregunta: como resolverías un misterioso asasinato cando cada vez que te achegas á solución, espertas no corpo doutra persoa?