Green dirixe a secuela do Exorcista

501

Após de revivir con éxito a franquía de Halloween en 2018 e mentres agarda ás súas secuelas programadas, o realizador David Gordon Green está xa a preparar a continuación doutro grande clásico do terror fantástico: The Exorcist.

Seica Green está a manter conversas para se encargar da dirección do proxecto, que conta co respaldo da Blumhouse e da Morgan Creek Productions. O que polo de agora non está claro é se isto sería unha continuación da franquía, ao xeito do modelo do Halloween de 2018, ou se simplemente ignorará as anteriores secuelas.

William Friedkin dirixiu o filme orixinal en 1973, baseado nunha novela de William Peter Blatty de 1971, e acadou un éxito mundial daquela sen precedentes: 401 millóns de dólares nos despachos de billetes, e até 2017, cando IT lle quitou o posto, mantivo o récord de ser o filme de terror clasificado “R” (para maiores de 18) con mais recadación de todos os tempos. Ademais recibiu 10 nominacións para os Oscar, gañando dous deles.

Ao orixinal seguíron-lle moitas secuelas, incluíndo a segunda película dirixida por John Boorman e protagonizada por Richard Burton, que no seu tempo foi moi criticada pero que co paso dos anos gañou sona (Scorsese é un grande fan). O mesmo Blatty dirixiu a terceira parte, un filme de culto favorito entre os fans e posibelmente o que mete mais medo.

En 2004 e 2005 apareceron senllas precuelas, a primeira dirixida por Paul Schrader e a segunda con Renny Harlin, pero con críticas negativas. E hai catro anos produciu-se unha série de televisión que durou dúas tempadas e que acadou excelentes críticas.

Friedkin, que non estivo vencellado a ningunha das secuelas ou á série, negou na súa conta de Twitter ter ningunha vinculación co proxecto: “Hai un rumor na IMDB de que estou vencellado a unha nova versión do Exorcista. Isto non é un rumor; é unha mentira sen mais. Non hai cartos abondo nin motivación no mundo para meter-me nisto“.