Xa é oficial: haberá unha terceira parte de Wonder Woman producida pola Warner Bros. Pictures, que xa está a pisar o acelerador para desenvolver no cinema unha nova entrega da popular franquía da DC Comics.
Gal Gadot regresará ao seu papel coma a superheroína titular, e Patty Jenkins tamén volverá a escribir e dirixir a película que se supón que rematará coa triloxía inicialmente prevista.
Este anúncio chega tan só uns poucos días despois da moi limitada estrea nos cinemas, e Jenkins xa indicou que se non hai unha garantía de que o filme se estreará nas salas de cinema, ela non regresaría.
Patty Jenkins dirixirá Star Wars: Rogue Squadron, que ten prevista a súa estrea para decembro de 2023, pero non está claro como vai afectar á súa axenda de traballo este novo anúncio. Ela mesma confirmara con anterioridade que os tratamentos para ambos filmes estaban esencialmente xa completados, o que sinifica que poderían comezar a traballar neles en canto se abra unha oportunidade. Tamén é moi posíbel que Jenkins elixa comezar a rodaxe dun filme mentres está aínda coa post-produción do outro.
Mentres tanto, WW84 debutou o día de nadal e coma era de agardar, as cifras de recadación son moi malas, dado que as salas de cinema están pechadas en case todas partes, incluíndo esta vez tamén aos Estados Unidos, onde tamén existiu a posibilidade de ver o filme na canle de pago HBO Max. En todo o mundo polo de agora leva 85 millóns de dólares. A crítica por outra banda non está a ser nada piadosa coa película, que á penas pasa dun aprobado (unha nota de 5,4) na web IMDB.