Acordo por Godzilla vs. Kong

631

A Legendary Entertainment e mais a Warner Bros. Pictures están moi preto de chegaren a un acordo que resolverá a lea sobre o anúncio de que todos os novos filmes da Warners serían emitidos pola HBO Max ao longo de 2021. Este anúncio fixéra-se sen consultar previamente con ningún dos parceiros de produción.

A Legendary co-financiou e co-produciu dous dos tres filmes mais salientábeis e caros dos que están programados para se estrear en 2021: Godzilla vs. Kong en maio, e Dune en outubro. Coma era de agardar, á Legendary non lle gustou o anúncio e mesmo chegou ameazar con iniciar accións legais contra a Warners.

Agora, diversos médios confirman que a estrea de Godzilla vs. Kong non será inminente. Co acordo, o filme manterá a data de estrea do 21 de maio nas salas de cinema, incluíndo IMAX, e tamén no servizo da HBO Max. A Legendary será a responsábel da distribución no mercado chinés.

De ser este o caso, a Legendary obtería ademais unha compensación económica polo seu investimento no filme, nun acordo financeiro que podería superar os 200 millóns de dólares. As negociacións sobre Dune aínda están en marcha.

O director de Dune, Denis Villeneuve, mantén-se firme na súa decisión de estrear o filme nas salas de cinema, o mesmo cá realizadora Lana Wachowski, que dirixiu o terceiro grande proxecto da Warners para 2021, a cuarta entrega da saga de The Matrix.