WandaVision

80

Cos seus primeiros dous episódios, WandaVision é un bó sinal da encrucillada na que se atopa a Disney, tentando avanzar pero sen deixar atrás o seu exitoso pasado.

Aínda que Vision morre en Avengers: Infinity War, a morte non sempre é o final para os persoaxes dos cómics, e o concepto de liñas temporais alternativas seguramente axude. WandaVision é de feito unha história temporal, que comeza nos anos 50 no branco e negro das vellas comédias da televisión, e que se irá desenvolvendo sempre a paso de séries clásicas da tele até un final que nestes intres é un dos segredos mellor gardados pola Marvel.

A isto hai que lle engadir que ao remate de cada episódio aparece sempre a man dun “realizador” televisivo, que semella dalgún xeito controlar o que está a acontecer, e que nós, os espectadores, vemos coma séries incorporadas e unha série, no que se pode describir coma non só unha homenaxe, senón un exercizo de meta-televisión apaixoante e sen dúbida novidoso, o que é de celebrar cando se trata de persoaxes tan clásicos coma os superheroes, os nosos deuses do século XXI. E os intrigantes anúncios (o primeiro é da Stark Industries e o segundo está relacionado coa malévola organización Hydra) tan só confirman que hai algo mais que está a acontecer atrás da cortina de fondo e que polo de agora non sabemos.

A minisérie ten lugar en todo caso despois dos acontecementos de Avengers: Endgame, e nela vemos aos recén casados Wanda e Vision mudándo-se á vila de Westview durante o que semellan ser os anos 50, tentando adaptar-se mália que Vision sexa un androide e Wanda teña superpoderes telequinéticos. Coñecemos aos seus veciños, ao xefe de Vision, e posteriormente, no segundo episódio que ten lugar xa nos 60, a mais veciños do bárrio, entre os que hai e haberá persoaxes relacionados con outros superheroes, coma Maria Rambeau, Darcy Lewis ou Jimmy Woo.

O tón, ainda que estea baseado nas comédias da tele, non é supostamente gracioso nin pretende causar riso, senón intriga. O mistério que debemos resolver, se é unha liña temporal distinta, se todo é un soño ou parte dos plans dalgún superfalcatruán, xa o veremos co paso do tempo. Polo de agora o obxectivo é gozar coa série, e iso xa o está a acadar.

Total
Calificación
Artigo anteriorA TNT planea un leito de morte
Seguinte artigo30 Monedas