30 Monedas

536

Ainda que anunciada hai moitos anos, a série 30 Monedas non puido estrear-se até finais do pasado novembro, rematando esta semana na canle HBO que a produciu. Creada por Álex de la Iglesia e con guións del mesmo xunto ao seu habitual colaborador Jorge Guerricaechevarría, a série vai sobre o pai Vergara, un cura exorcista que despois de pasar polo cárcere é destiñado a unha remota vila en Segóvia (España), onde agarda poder esquecer o seu pasado.

Na vila axiña comezan a acontecer fenómenos paranormais, cos que deberán lidiar o alcalde Paco (Miguel Ángel Silvestre) e mais as dúas mulleres da súa vida: a veterinária (Megan Montaner) e mais a súa dona Merche (Macarena Gómez), sen descoidar por suposto aos clásicos: o garda civil, o parvo da aldea, o marqués fillo do cacique, e o resto dos habitantes do lugar.

En oito episódios, o argumento central é que as trinta moedas de prata coas que o lendário Xudas traizoou ao seu amigo Xesús son un tesouro esquecido pola história, pero non por un grupo de curas satánicos que queren utiliza-las coma instrumento para controlar o mundo. Unha ideia interesante e orixinal, pero que desafortunadamente é usada do xeito mais “heavy-metaleiro” posíbel, con todo tipo de monstros, seres diabólicos, loitas polo poder no Vaticano, terroristas en Síria…

O que podería ter sido unha intrigante história de mistério chea de veladas referéncias, é nombergantes en mans de de la Iglesia unha chea de episódios demasiado longos con persoaxes estrafalários, fóra de control, clásicos da comédia española na que o bufón, unha espécie de Renfield de Drácula, é o persoaxe mais sán, sen deixar ren á imaxinación nin ás sutilezas. Estética de cómic, ou mais ben de fanzine fotocopiado, utilización masiva de todos e cadaún dos clichés do xénero de terror e da comédia… en fin, que para podermos dicir que esta é unha série española típica, só fallarían os nenos.

A série é interesante e digna de ver e entretén, porque é española e dalgún xeito podémo-la considerar próxima, pero non resiste un segundo visionado e ainda que remata dun xeito que semella esixir unha segunda tempada, o seu éxito dependerá ao cabo do que os directivos da HBO decidan.

Total
Calificación
Artigo anteriorWandaVision
Seguinte artigoSecuela de “Batman: The Animated Series”
30-monedasA série é interesante e digna de ver e entretén, porque é española e dalgún xeito podémo-la considerar próxima, pero non resiste un segundo visionado e ainda que remata dun xeito que semella esixir unha segunda tempada, o seu éxito dependerá ao cabo do que os directivos da HBO decidan.