Os creadores de Fortnite lánzan-se ao cinema

136

Seica a Epic Games, a compañía que desenvolveu o popular videoxogo Fortnite, quere facer o seu primeiro movemento no eido do cinema e está a desenvolver Gilgamesh, unha longametraxe de debuxos animados baseada no épico heroe da antiga Mesopotámia.

Os estudos de animación Hook Up e mais as compañías DuermeVela e FilmSharks, todas elas arxentinas, van-se asociar coa Epic para produciren o filme que tentará levar ás pantallas ao mitolóxico heroe da Epopea de Gilgamesh, o rei-deus sumério que segundo a lenda governou durante 126 anos e cuxo pai foi un espírito. O poema está considerado como a narración escrita máis antiga da história e o filme contará a súa procura pola inmortalidade e a súa rivalidade e logo amizade co salvaxe Enkidu.

A Epic Games dispón dun fundo de investimento duns cen millóns de dólares, o programa MegaGrants, co que está a tentar espallar os seus eidos de influéncia no mundo dos negócios multimédia.

Gilgamesh terá probábelmente un tón dirixido a un público adulto. O poema orixinal de feito está cheo de sexo e violéncia, e o mesmo presidente da FilmSharks, Guido Rud, deixou caer que a versión non será apta para nenos: “É unha honra ver que a Epic Games apóia Gilgamesh a través do programa Epic MegaGrants. Ainda que a animación fixo un excelente traballo de entretemento coa comédia e con creaturas de córes, hai tamén un arelo e a oportunidade de compartir histórias culturáis e contar contos míticos mais grandes cá vida“.

A produción utilizará asemade a tecnoloxía de videoxogos da Epic Unreal Engine para crear a animación, a mesma tecnoloxía usada para os escenários virtuais de The Mandalorian.

O realizador arxentino Tomás Lipgot dirixirá o filme, que terá versións en español e en inglés.