Nova precuela do Xogo de Tronos

117

A HBO está a desenvolver unha série que adaptará á tele a triloxía de Tales of Dunk and Egg, unha precuela dos acontecementos de Game of Thrones.

O programa, con capítulos dunha hora de duración, basearía-se nas novelas curtas de George R. R. Martin que contan as aventuras de Dunk (o futuro comandante da Garda Real, Ser Duncan o alto) e mais Egg (o futuro rei Aegon V Targaryen), uns noventa anos antes dos eventos relatados en Game of Thrones.

Até agora Martin leva publicados tres libros da saga de Tales of Dunk and Egg: The Hedge Knight en 1998, The Sworn Sword en 2003 e The Mystery Knight en 2010. Os tres foron despois publicados conxuntamente nun só tomo titulado A Knight of the Seven Kingdoms en 2015.

Polo de agora non hai ningún nome vencellado ao proxecto, que está nos seus primeiros chanzos, pero algunhas fontes indican que é de alta prioridade para a HBO. De saír adiante, sería a segunda precuela de Game of Thrones que chegaría ás pantallas. A canle está a preparar a série House of the Dragon, que debutará en 2022, e que conta os eventos da guerra civil en Targária, no que se coñeceu coma a Danza dos Dragóns.

Por suposto, estes plans non garanten que a série vaia facer-se realidade. En 2019 un episódio piloto protagonizado por Naomi Watts e con guión de Jane Goldman non acadou a desexada luz verde para se emitir.