5 Obras pasadas que semellan dun futuro que nunca sucederá

895

Nestes tempos de pandemia e incerteza a nivel planetario, sería bo botá-la vista atrás un chisco e reflexionar, non vaia ser que perdesemos o norte e aínda non dimos conta. Estes son os 5 inventos que aínda nos abraian hoxe en día:

DEBUXANDO O FUTURO (Os deseños de Syd Mead)

DEBUXANDO O FUTURO (Os deseños de Syd Mead)Este mestre do Deseño Industrial, que non se contentou con traballar no Estudio de Estilo Avanzado da compañía Ford, e preferiu buscá-lo seu propio camiño noutras compañías, ata creá-la súa propia, abraiou a medio mundo polo futurismo veraz e atemporal das súas creacións. A súa arte conceptual creou vehículos e trebellos de varios bombazos da ciencia ficción de Hollywood (dende Star Trek, Blade Runner ou Aliens, ata Elysium ou Tron), así como outros innumerables encargos, aínda non moi coñecidos polo público pero igualmente sorprendentes; dende o encargo para realizá-lo spot televisivo do Hitbit F500, un ordenador da xeración MSX2 de Sony, a mediados dos 80, ata o deseño de nove mechs na revisión do anime Turn a Gundam de 1999. Como el mesmo dixo, “no mundo hai máis xente que fai cousas, que xente que pensa en facelas.

PIRUETAS SEN COR NIN SON (Acróbatas pioneiros do cinema)

Acróbatas pioneiros do CinemaNin efectos por ordenador, nin escenas coordinadas con cables ó estilo de Hong Kong; algúns actores e actrices dos anos 20 non necesitaban especialistas; eran ousados, salvaxes e arriscados. Dende Harold Lloyd subindo as paredes dun rañaceos en Safety Last!, ata a intrépida e sexy motorista nalgunha das películas dos Keystone Kops, rodando a toda velocidade sen proteccións nin gafas, nin tan sequera (semella) instinto de autoprotección. A habilidade destes aventureiros, desafiantes no tempo a tódalas técnicas que foron aparecendo nos seguintes anos, ás veces, fainos dubidar se eses exercicios imposibles formaban parte dun efecto visual, ou realmente o estaban a realizar eles. O termo pioneiro lles encaixa perfectamente.

CIRCULANDO SOBRE UNHA RODA (O monociclo motorizado)

O monociclo motorizadoCecáis quedaches abraiado/a cando a viches en películas coma Men in Black 3, ou nos Animes Steamboy ou Nadia: Secret of the Blue Water… O certo é que xa se inventaran na década dos 20 do século pasado, aparecendo varios modelos illados en distintos puntos da xeografía occidental (incluso se conservan varias metraxes de testeo; iso si, en branco e negro mudo). O caso é que a pesares de facerse variantes e revisións melloradas (coma o Dynasphere do británico J.H. Purves), nunca se fabricaron de forma masiva, debido ós problemas de estabilidade (e seguridade) que presentaban no seu uso (porque a ninguén lle gusta estar no medio do eixo dunha roda en movemento, non?). Iso si, nas obras de ficción lucen quinindiola.

Podes lér mais en vintag.es e hemmings.com.

OI CAMARADA, MÁNDEME UN EMAIL (O proxecto Sphinx)

O proxecto SphinxNa Unión Soviética foron moitos os proxectos que se tiveron que cancelar, algúns deles irrealizables por poñé-las expectativas demasiado adiantadas ó seu tempo, outros por falta de medios económicos. Nos anos 80, en plena descomposición do sistema, na famosa revista rusa Tehničeskaja èstetika (traducido sería algo así como Estéticas da Técnica) apareceu en portada o Proxecto Sphinx, un sistema de automatización informático, modulable e ambicioso, que permitiría ós usuarios xestionar unha sorte de  centro multimedia para acceder ós campos da comunicación, lecer, e incluso telemedicina.

Sphinx ía ser moito máis que un ordenador, era un sistema que subministraría ós membros dun fogar múltiples funcionalidades. As fotos da época amosan unhas carcasas de deseño que semellan extraídas dun cómic ou filme de Ciencia Ficción, incluso se falaba de termos levemente bosquexados polos seus rivais occidentais, como a multitarefa ou a videoconferencia, pero o final do Réxime e a crónica crise económica, que seguiría no novo Estado Ruso, rematarían por relegá-la presenza do prototipo a un pequeno espazo no Museo do Deseño de Moscú. O seu inventor, Dimitry Azrikan, emigrou a Canadá e seguiu traballando en Enxeñería e Deseño, para múltiples clientes.

O RAIO ARIO: A Bomba Solar

O RAIO ARIO: A Bomba SolarNos derradeiros días da Segunda Guerra Mundial en Europa, e entre as confesións dos científicos alemáns ás autoridades aliadas, foron revelados varios proxectos que nunca viron a luz. Un dos proxectos máis sorprendentes da maquinaria bélica nazi, e planeado como unha solución definitiva para a vitoria total sobre os seus inimigos, foi a chamada Bomba Solar. Baseado en conceptos presentados en 1929 polo físico Hermann Oberth, e presentada como unha terrible arma de destrución masiva, consistía nun xigantesco reflector de oito mil quilómetros, composta de sodio metálico, e lanzada ó espazo exterior. O artefacto aproveitaría a luz do Sol e a enfocaría un raio sobre o seu obxectivo, prendendo en chamas e reducindo a cinzas a cidade escollida. A Bomba Solar foi descartada nas súas primeiras fases de xestación, posto que segundo as estimacións máis optimistas, levala a cabo custaría un período de tempo de entre 50 anos a un século. Demasiado tempo para unha Guerra que duraría moito menos.