A Stampede Ventures e a Wiip van-se asociar para adaptaren nunha série na tele o primeiro libro da triloxía de ciéncia-ficción Embers of War orixinal do escritor Gareth L. Powell. A saga completa inclúe ademáis polo de agora a Fleet of Knives (2019) e Light of Impossible Stars (2020).
A história é unha “space opera” que ten coma protagonista á Trouble Dog, unha nave espacial consciente que foi construída para a violéncia, pero que após dunha brutal guerra, sente noxo polo seu papel nun xenocídio. Despoxada das súas armas e na procura de expiación, úne-se á Casa da Reclamación, unha organización adicada a rescatar naves en perigo.
Cando unha nave civil desaparece nun sistema en disputa, a Trouble Dog a súa nova tripulación de solitários, capitaneada por Sal Konstanz, son enviados a unha misión de rescate. Mentres tanto, a anos luz de distáncia, o oficial de intelixéncia Ashton Childe recibe o encargo de localizar á poetisa Ona Sudak, que ía a bordo da nave espacial desaparecida. O que Childe non sabe é que Sudak non é a persoa que semella. Un rescate sinxelo convérte-se nalgo moito mais perigoso e a Trouble Dog, Konstanz e mais Childe atoparán-se no centro dun conflito que podería destruír toda a galáxia.
Gary Graham será o encargado de adaptar o libro ás pantallas, e Breck Eisner de dirixir. Ambos serán ademais produtores executivos xunto a Greg Silverman, Paul Shapiro e mais o mesmo Powell.